Organizouse o estudo e as rutas por parroquias, por considerar que esta división territorial, ademais de ser a mais antiga e a que ten maior identidade no noso medio rural, tamén resulta máis doada de abarcar territorialmente. Como xa se indicou, mantívose ao longo da historia da asociación.
Desde un principio os seus responsables trataron de realizar previamente un estudo da parroquia ou parroquias, para despois converterse na publicación dun caderniño, editado coa colaboración do concello ao que pertence esa parroquia, e posteriormente distribuílo entre a veciñanza. Na súa parte final aparece a proposta dunha ruta a pé con diferentes paradas, que se realizará o día da visita, guiada polos propios autores da publicación.
Na medida que se foron incorporando máis investigadores a este proxecto, a publicación foise enriquecendo e aumentando o seu número de páxinas, como sucedeu nos últimos caderniños publicados.
Desde que se principiou con este proxecto no ano 2000, lévanse publicado ata este momento (2018) dezanove caderniños referidos a 39 parroquias dos sete concellos da comarca e organizado outras tantas rutas por esas mesmas freguesías.