18 Feb Ruta por Canduas e Laxe
O Instituto de Estudos Bergantiñáns organiza para o sábado 9 de marzo unha ruta pola costa de Canduas e a vila de Laxe. Durante a mañá realizarase unha ruta a pé desde a praia das Vacas ata a Laxe, unha camiñada duns 7 km que discorre pola beiramar e que ofrece atractivas panorámicas sobre a ría de Corme e Laxe, o monte Branco, a praia de Valarés, a vila de Corme e a punta do Roncudo. Ao longo do percorrido pasaremos pola punta de Padrón, furna dos Corvos, furna de Valouta, punta de Canduas, furna dos Bólos, illote do Castelo, praia de Rebordelo, punta Catuxa, praia de San Pedro, portiño de Figueiras, punta do Cabalo, coído da Cerva, coído dos Muíños, Cabo da Area e praia de Laxe.
Pola tarde realizaremos unha ruta pola parte histórica da vila laxense, visitando entre outros lugares, a praza de Ramón Juega, na que se atopa a casa do Arco, denominada así polo arco gótico que conserva. Pertenceu á familia dos Moscoso, condes de Altamira, como se pode comprobar nos escudos situados debaixo da arcada.
Nesta mesma praza tamén se conservan outras casas singulares que pertenceron á pequena burguesía local. Unha delas foi da familia do insigne xeólogo Isidro Parga Pondal.
A continuación visitaremos o Museo do Mar, situado tamén na zona histórica, moi preto da praza anterior. Ubícase nunha casa tradicional que foi cuartel da Garda Civil e posteriormente rehabilitada. Consta de 4 plantas, contando co baixo cuberta, nas que se alberga o seu contido, centrado fundamentalmente na historia de Laxe e das comarcas de Bergantiños e Terra de Soneira. O seu maior tesouro é a obra fotográfica de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José Vidal García (1900-1988), que nos deixaron un legado formado por unhas 67.000 imaxes nas que se recolle a paisaxe e a vida da xente de Laxe e das comarcas anteriormente citadas.
Finalmente faremos a última parada na igrexa parroquial de Santa María da Atalaia, un dos poucos templos góticos que se conservan na Costa da Morte. Componse dunha nave e ábsida rectangulares, esta última cuberta cunha bóveda de crucería. No seu interior destacan o relevo da Resurrección, un friso pétreo de estilo gótico no que se representan cinco escenas da Resurrección de Cristo e as imaxes en pedra da patroa e de Santa Inés.