18 Feb 20 Anos de Instituto de Estudos Bergantiñáns
Se crear unha asociación cultural resulta unha acto de atrevemento e valentía, que esta perdure máis de dúas décadas, convértese nunha proeza. Atrevemento foi o dun grupo de carballeses vinculados ao Centro Social San Xoán Bautista de Carballo, que decidiron constituír a Comisión Xestora que deu orixe a esta asociación cultural bergantiñá a finais do ano 1998, e a proeza consistiu en permanecer todos eses anos mantendo un ritmo de actividade, non moi intenso, pero constante.
O Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) creouse coa finalidade de “estudar e dar a coñecer a historia, xeografía, etnografía, socioloxía, lingua, arte e cultura de Bergantiños”, tal como recolle a súa acta fundacional. Este obxectivo que mantívose vivo ao longo da súa traxectoria.
Despois de ser rexistrado o IEB en xaneiro do ano seguinte, constituíuse en marzo a súa Xunta Xestora, presidida polo crego Xosé Pumar Gándara, bo coñecedor da historia e cultura bergantiñá, ao que acompañarán un grupo de persoas interesadas tamén polo patrimonio histórico e cultural da comarca. Todos eles emprenderon a misión de poñer en marcha esta nova entidade con sede en Carballo.
Nun principio propúxose distribuír o traballo en varias áreas: literatura, toponimia, etnoloxía, historia, xeografía, foro de debate, bibliografía e o programa Andando por Bergantiños, coordinadas cada unha delas por un experto en cada un dos anteriores eidos. Mais este ambicioso plan non chegou a materializarse pola falta de recursos económicos e pola escaseza de tempo necesario para desenvolver os contidos de cada unha daquelas ramas. A partir de entón o traballo dos membros da directiva da entidade centrarase sobre todo no estudo e divulgación do patrimonio histórico, cultural e arquitectónico de Bergantiños.
Nos primeiros anos de andadura desenvolvéronse tamén outras actividades, que co paso do tempo foron desaparecendo, como o “Premio Bergantiños desde os libros”, que se prolongou a longo de tres edicións (1999-2001), ou o “Premio de Estudos Bergantiñáns”, que se mantivo durante nove convocatorias (1999-2007), co que se pretendía favorecer a realización de traballos de investigación sobre a comarca desde diferentes ámbitos do coñecemento.
A acción do IEB tamén se encamiñou cara a outras actividades culturais relacionadas coa divulgación da cultura da comarca. Realizáronse así conferencias ou charlas sobre diferentes temas: historia local, lingua, toponimia, lendas ou arte relixiosa e leváronse a cabo presentacións de libros de autores da bisbarra ou de contidos relacionados con ela.
Outro eido de actuación da nosa entidade foi a participación na defensa do patrimonio histórico e natural de Bergantiños e Costa da Morte naqueles momentos nos que este se viu ameazado como foi o caso do proxecto de instalación dunha minicentral hidroeléctrica no lugar da Férveda de San Paio de Entrecruces, que de chegarse a materializar alteraría notablemente un dos espazos naturais de maior valor da bisbarra; cando unha empresa graniteira quixo abrir unha canteira nos Penedos de Pasarela, que destruiría un dos patrimonios xeolóxicos de maior valor da Costa da Morte e de Galicia; ou máis recentemente, cando unha compañía mineira tentou explotar de novo a mina de ouro de Corcoesto a través dun arriscado proxecto que supoñía un grave perigo para o medio natural da zona e dos seus habitantes.
Mais se por algo se coñece o IEB é polas rutas e viaxes que organiza pola comarca, por Galicia e por fóra da nosa comunidade. Os primeiros roteiros naceron a raíz da publicación dos caderniños Andando por Bergantiños, cos que se pretendía coñecer o territorio bergantiñán parroquia a parroquia. Cada un deles consta dunha primeira parte na que se recollen os aspectos xeográficos e históricos da freguesía, e outra na que se propón unha ruta para visitar aqueles lugares de maior interese que haxa nese territorio parroquial. O primeiro destes cadernos editouse no ano 2000 e estivo dedicado á parroquia larachesa de San Pedro de Soandres. A edición de cada unha destas publicacións, na maioría dos casos, é patrocinada polo concello ao que pertence a parroquia estudada. A longo destes vinte anos de historia lévanse publicados 19 cadernos, dedicados a unhas 40 parroquias da comarca. O último foi sobre as parroquias pontecesás de Xornes e Langueirón, editado no pasado ano.
Pero ademais deste programa de rutas pola comarca, o IEB puxo en marcha outros dous proxectos de viaxes culturais. O de Andando por Galicia, que ten por obxectivo coñecer aqueles sitios da nosa comunidade que conservan un maior patrimonio histórico ou natural. Esta sección principiou no ano 2004, cunha primeira visita aos penedos do Piñeo (Carantoña-Vimianzo) e á desembocadura do río do Porto. Mais neste mesmo ano realizáronse dúas viaxes máis. Unha á Ribeira Sacra lucense e outra ao nacemento do río Miño e á vila histórica de Meira. En total lévanse feitas unhas 30 rutas, que facilitaron aos asistentes o coñecemento das cidades galegas e da maioría das nosas vilas históricas.
Desde o ano 2012 iniciouse tamén o programa de viaxes culturais a lugares próximos á nosa comunidade autónoma tanto españois como portugueses. Viaxes que se realizan durante unha fin de semana de maio ou xuño. A comarca do Bierzo, as cidades de León e Astorga, a cidade de Porto, Oviedo e a cunca mineira asturiana, Zamora e Puebla de Sanabria, ou as cidades portuguesas de Braga, Viana do Castelo, Chaves e Vila Real, foron os destinos dos participantes destas excursións culturais.
Con motivo do aniversario destas dúas décadas de vida da asociación, neste 2019 ademais de continuar coa programación habitual realizaremos a presentación da nosa páxina web, na que se poñerán a disposición dos visitantes todas as publicacións que o IEB leva feitas. Temos tamén intención de publicar un estudo integral sobre o río Anllóns, proxecto no que varios membros da asociación levan tempo traballando coa pretensión de dar a coñecer e conservar a arteria principal de Bergantiños.
Xan X. Fernández Carrera